Friday 10 de May de 2024

Feijóo sinala que o Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020, dotado con 1.186 millóns de euros, aposta polo rural como lugar no que vivir e traballar


Salienta que o Programa está dotado con máis de 1.186 millóns de euros, dos cales, a Xunta achegará un importe superior a 217 millóns de euros e o Goberno central, 79 millóns

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que o Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 aposta polo ámbito rural como lugar no que vivir e traballar.

Segundo o máximo responsable do Goberno autonómico, este Programa é unha ferramenta imprescindible para captar financiamento da Unión Europea e será remitido con carácter inmediato á Comisión Europea para a súa aprobación.

Como engadiu, este novo programa dará continuidade á política en materia de desenvolvemento rural que vén realizando a Xunta co apoio dos fondos comunitarios, xa desde o último período orzamentario.

O presidente da Xunta sinalou que neste novo período de financiamento da Unión, Galicia volve contar cunha inxección cuantitativamente moi importante xa que percibirá case 890 millóns de euros do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). En total, significará un desembolso público de máis de 1.186 millóns de euros no rural galego a través do Programa, dos cales, a Xunta aportará un importe superior a 217 millóns de euros. Pola súa banda, o Goberno central achegará 79 millóns de euros.

Con respecto a isto, Feijóo destacou que xa en 2016 a Consellería do Medio Rural é responsable dun orzamento inicial de máis de 191 millóns de euros o que supón un 12,6% superior aos orzamentos deste departamento en 2015.

Os obxectivos do Plan
O presidente da Xunta sinalou tres liñas básicas de actuación do Plan, en concordancia cos obxectivos definidos pola Política Agraria Común. A primeira delas é a de fomentar a competitividade da agricultura galega mediante catro prioridades: a modernización das explotacións, a incorporación de agricultores mozos, a ordenación do territorio e a mellora da produtividade da industria agroalimentaria e forestal promovendo a produción de alto valor engadido.

As outras liñas de actuación consistirán en conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sostible dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático, e en mellorar a calidade de vida da poboación rural, fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, a creación de emprego e a redución do risco de pobreza.

Os investimentos que contempla o Plan
Fai un especial fincapé no relevo xeracional no agro galego, xa que destinará 66,8 millóns de euros para apoiar aos mozos e mozas que queiran instalarase para desenvolver actividades agrícolas. Do mesmo xeito, a mellora das explotacións contará cun apoio de máis de 166 millóns de euros; as pequenas explotacións recibirán 14,4 millóns de euros; e axudarase á necesaria creación de agrupacións de produtores que permita mellorar a posición negociadora fronte ao mercado cun investimento de 5,3 millóns de euros, algo especialmente importante no sector lácteo.

Por outra banda, a formación de asesores, o emprego de servizos de asesoramento e o establecemento de servizos de substitución axudarán á mellora da rendibilidade e conciliación da vida laboral e familiar das familias dedicadas á produción de alimentos deste país. Así, neste ámbito investiranse 17 millóns de euros.

Así mesmo, para a mellora dos accesos ás explotacións e da base territorial das explotacións investirase 57,4 millóns de euros en investimentos en infraestruturas relacionadas con desenvolvemento, adaptación e modernización da agricultura e a silvicultura (concentración parcelaria e camiños).
Segundo engadiu o presidente da Xunta, é necesario tamén o apoio á industria agroalimentaria para permitir a vertebración do sector primario incrementando o valor engadido das producións agrícolas e gandeiras. Por iso, a través da liña de Procesado, comercio e desenvolvemento de produtos agrícolas o PDR apoiará ao sector industrial con máis de 95 millóns.

Ademais, para dinamizar as poboacións locais implantarase unha medida para o establecemento de de canais curtos de distribución e mercados de proximidade con 4,5 millóns de euros.

Pola súa banda, as indicacións xeográficas protexidas e as denominacións de orixe son un claro éxito do desenvolvemento das producións locais, e contarán co apoio de 15,84 millóns.

Como sinalou Feijóo, o apoio ao sector forestal é outro eixo prioritario do programa de desenvolvemento rural. Así, á prevención de danos causados por incendios, desastres naturais e catástrofes destinaranse 176,3 millóns de euros; a investimentos en tecnoloxías forestais, 53,4 millóns; e ao establecemento e mantemento de superficies forestais (forestación), 50 millóns de euros.

Do mesmo xeito, os investimentos para aumentar a resiliencia e o valor medioambiental dos ecosistemas forestais (investimentos forestais de carácter ambiental) serán de 19 millóns de euros; e para o establecemento e mantemento de sistemas agroforestais, 7,6 millóns de euros.

Do mesmo xeito, destinaranse 26,3 millóns de euros á Inversión, creación e desenvolvemento de actividades non agrícolas; 116 millóns ao mantemento da poboación agraria nas zonas de montaña ou con outras limitacións naturais e máis de 65 millóns

Así mesmo, por primeira vez ponse en marcha unha liña especificamente dirixida á Produción de Agricultura ecolóxica cun apoio de 12,7 millóns de euros para o conxunto do período.

En definitiva, o Goberno galego vén de definir a folla de ruta ata o ano 2020, que permitirá investir nos próximos anos case 1.200 millóns de euros para insistir e persistir en que “no rural se pode vivir e se pode traballar”. “Imos insistir nesta idea con novos folgos económicos”, aseverou Feijóo.